11 de febrero de 2008

Atención á diversidade: análise de resultados


Pois parece ser que, a pesares do feito nos últimos tres anos, os resultados non acompañan e dan un toque de atención ó noso sistema educativo no seu tramo obrigatorio (Informe Pisa 2006). Opinións?. De tódolos tipos. Responsabilidade? De todos. Solucións? Vaiamos por partes.

Sen caer no alarmismo nin no lamento e alleo a esta sociedade das boas maneiras que fai de nós auténticos robots das aparencias e máis aló dos interesados e enxeñosos xogos de palabras dos malabaristas dos conceptos e da sintaxe que fan que todo luza estatisticamente a pesares da evidencia dos resultados, o feito é que estes datos deben servirnos a todos, e a cada quen segundo a súa respectiva cota de responsabilidade, para reflexionar e analizar seriamente onde temos que incidir si queremos mellorar.

No que á escola e ó alumnado con necesidade específica de apoio educativo se refire, a evolución dos tempos e da sociedade achega ás nosas aulas rapaces cun alto grao de heteroxeneidade que dificulta o desenvolvemento dun proceso de ensinanza e aprendizaxe común capaz de dar axeitada resposta ás súas necesidades persoais de formación. A actual lexislación educativa recolle medidas de atención a esta diversidade co obxecto de garantir a adquisición das aprendizaxes imprescindibles para continuar o seu proceso formativo. Fálase de necesidades específicas de apoio educativo (altas capacidades, incorporación tardía, dificultades específicas de aprendizaxe, alumnado inmigrante, estranxeiro,...), de medidas de atención: agrupamentos, apoio, desdobramentos, optatividade, ámbitos; fálase do carácter formativo e orientador da avaliación, de adecuar as ensinanzas de cada materia ao alumnado, da importancia da coordinación de todo o profesorado, de avaliar a práctica docente... Pero a simple determinación institucional de que o alumno diverso participe no acto didáctico que se produce na escola obrigatoria non é suficiente; a atención á diversidade precisa de algo máis que dunha declaración de boas intencións; as medidas non basta con aplicalas. Para facelas eficaces é indispensable analizar, entre todos, con rigor e obxectividade, a praxe real e os seus resultados para definir estratexias de intervención coordinada, que nos permitan cumprir cos obxectivos de integración e calidade propios da ensinanza obrigatoria.

A diversidade é inherente á escola obrigatoria, é o punto de partida da acción educativa. A resposta que a escola de calidade, no exercicio da súa autonomía pedagóxica, debe dar á diversidade que por obriga escolariza conleva, ademais de medidas, unha serie de plantexamentos organizativos e actitudinais que deben seren asumidos por toda a comunidade escolar:

  • ten que ser unha resposta de Centro que inclúa a todo o alumnado, sen discriminacións na atención e respectuosa coa igualdade de oportunidades, sen limitarse ó trato por especialistas dos alumnos/as con necesidades educativas especiais,
  • definida nun proxecto educativo común que inclúa fórmulas de participación, coordinación, avaliación e transferencia de experiencias,
  • que innove, inverta en formación, novas tecnoloxías e metodoloxías máis eficaces,
  • que implique ás familias nas tomas de decisións e seguimentos precisos,
  • que busque un equilibrio entre as áreas de coñecementos e as de habilidades,
  • que avalíe en función de proposicións de tipo máis xeral no marco dunha formación integral ( comunicación, razoamento lóxico, solución de problemas, desenvolvemento persoal e social…) e non só en función dos contidos das materias ...

Todos somos necesarios para educar nunha sociedade tan complexa e cambiante coma a nosa, na que a modernidade e o progreso parecen incompatibles co respecto, o esforzo e a responsabilidade; na que a disciplina, o sacrificio, a superación persoal e o traballo ben feito, trócanse pola recompensa inmediata sen esforzo, polo antollo, polo beneficio persoal e a escasa tolerancia á frustración e á adversidade. Creo que calquera tempo educativo pasado foi peor e que, apesares de que a meirande parte dos problemas escolares que vivimos nas aulas son alleos á escola, e de que ás veces, sen dármonos conta, en aras dunha maior efectividade e rentabilidade dos recursos, desenvólvemos actuacións individuais rutinarias, máis controladoras que educativas, que contribúen a crear segregación ou exclusión onde pretendiamos integración, non podemos fracasar na tarefa de espertar en cada un dos nosos rapaces e rapazas as súas mellores facultades. O reto consiste en ser quen de ofertar a cada un a axuda que precisa, axustando a intervención educativa á individualidade e definindo a función e coordinación de tódolos profesionais necesarios para acadar unha resposta educativa de calidade ás necesidades de formación. As posibilidades sempre superan ás limitacións.