Sen caer no alarmismo nin no lamento e alleo a esta sociedade das boas maneiras que fai de nós auténticos robots das aparencias e máis aló dos interesados e enxeñosos xogos de palabras dos malabaristas dos conceptos e da sintaxe que fan que todo luza estatisticamente a pesares da evidencia dos resultados, o feito é que estes datos deben servirnos a todos, e a cada quen segundo a súa respectiva cota de responsabilidade, para reflexionar e analizar seriamente onde temos que incidir si queremos mellorar.
No que á escola e ó alumnado con necesidade específica de apoio educativo se refire, a evolución dos tempos e da sociedade achega ás nosas aulas rapaces cun alto grao de heteroxeneidade que dificulta o desenvolvemento dun proceso de ensinanza e aprendizaxe común capaz de dar axeitada resposta ás súas necesidades persoais de formación. A actual lexislación educativa recolle medidas de atención a esta diversidade co obxecto de garantir a adquisición das aprendizaxes imprescindibles para continuar o seu proceso formativo. Fálase de necesidades específicas de apoio educativo (altas capacidades, incorporación tardía, dificultades específicas de aprendizaxe, alumnado inmigrante, estranxeiro,...), de medidas de atención: agrupamentos, apoio, desdobramentos, optatividade, ámbitos; fálase do carácter formativo e orientador da avaliación, de adecuar as ensinanzas de cada materia ao alumnado, da importancia da coordinación de todo o profesorado, de avaliar a práctica docente... Pero a simple determinación institucional de que o alumno diverso participe no acto didáctico que se produce na escola obrigatoria non é suficiente; a atención á diversidade precisa de algo máis que dunha declaración de boas intencións; as medidas non basta con aplicalas. Para facelas eficaces é indispensable analizar, entre todos, con rigor e obxectividade, a praxe real e os seus resultados para definir estratexias de intervención coordinada, que nos permitan cumprir cos obxectivos de integración e calidade propios da ensinanza obrigatoria.
A diversidade é inherente á escola obrigatoria, é o punto de partida da acción educativa. A resposta que a escola de calidade, no exercicio da súa autonomía pedagóxica, debe dar á diversidade que por obriga escolariza conleva, ademais de medidas, unha serie de plantexamentos organizativos e actitudinais que deben seren asumidos por toda a comunidade escolar:
- ten que ser unha resposta de Centro que inclúa a todo o alumnado, sen discriminacións na atención e respectuosa coa igualdade de oportunidades, sen limitarse ó trato por especialistas dos alumnos/as con necesidades educativas especiais,
- definida nun proxecto educativo común que inclúa fórmulas de participación, coordinación, avaliación e transferencia de experiencias,
- que innove, inverta en formación, novas tecnoloxías e metodoloxías máis eficaces,
- que implique ás familias nas tomas de decisións e seguimentos precisos,
- que busque un equilibrio entre as áreas de coñecementos e as de habilidades,
- que avalíe en función de proposicións de tipo máis xeral no marco dunha formación integral ( comunicación, razoamento lóxico, solución de problemas, desenvolvemento persoal e social…) e non só en función dos contidos das materias ...
Todos somos necesarios para educar nunha sociedade tan complexa e cambiante coma a nosa, na que a modernidade e o progreso parecen incompatibles co respecto, o esforzo e a responsabilidade; na que a disciplina, o sacrificio, a superación persoal e o traballo ben feito, trócanse pola recompensa inmediata sen esforzo, polo antollo, polo beneficio persoal e a escasa tolerancia á frustración e á adversidade. Creo que calquera tempo educativo pasado foi peor e que, apesares de que a meirande parte dos problemas escolares que vivimos nas aulas son alleos á escola, e de que ás veces, sen dármonos conta, en aras dunha maior efectividade e rentabilidade dos recursos, desenvólvemos actuacións individuais rutinarias, máis controladoras que educativas, que contribúen a crear segregación ou exclusión onde pretendiamos integración, non podemos fracasar na tarefa de espertar en cada un dos nosos rapaces e rapazas as súas mellores facultades. O reto consiste en ser quen de ofertar a cada un a axuda que precisa, axustando a intervención educativa á individualidade e definindo a función e coordinación de tódolos profesionais necesarios para acadar unha resposta educativa de calidade ás necesidades de formación. As posibilidades sempre superan ás limitacións.
Te ha quedado muy bonito. Aunque no falo gallego intentaré enterarme de todo lo que escribes. Un saludo y nos seguimos leyendo
ResponderEliminar