Recursos educativos

https://actividadesyrecursos.jimdofree.com/  Recursos, actividades, aplicaciones, juegos, software educativo...

2 de abril de 2011

Unha aposta pola innovación educativa

 Os continuos cambios sociais, económicos e tecnolóxicos da nosa sociedade, demandan dos sistemas educativos, transformacións e innovacións capaces de dar respostas de calidade ás necesidades formativas do alumnado que garantan o éxito escolar e o seu desenvolvemento persoal e profesional nunha sociedade cada vez máis caracterizada polas redes de comunicación e a información multimedia.
 Co  obxectivo da integración plena das TIC na práctica educativa, a Consellería de Educación da Xunta de Galicia pon en marcha  o “Proxecto Abalar”, concreción na nosa Comunidade do Proxecto “Escuela 2.0” a nivel estatal, baseado nun modelo de política educativa 1 a 1 (un ordenador por alumno), na formación do profesorado para un uso pedagóxico das novas tecnoloxías e na innovación das prácticas de ensinanza utilizando os recursos e os contidos dixitais. Este modelo de Escola 2.0 é coincidente con outras políticas educativas iberoamericanas, como o “Paraguay educa”, o Plan Magalhaes de Portugal, “Una laptrop por niño de Perú, ou “Enlaces” en Chile, que buscan a equidade social, romper co tradicional illamento da escola e innovar os métodos de ensinanza e aprendizaxe para preparar á futura cidadanía do século XXI.


 No presente curso escolar, e nunha primeira fase experimental, 200 Centros da nosa Comunidade Autónoma, correspondentes os niveis de 5º de Educación Primaria e 1º de Educación Secundaria Obrigatoria, equipáronse con conexión a internet,  un netbook por alumno/a, un proxector dixital e unha pizarra interactiva. Asemade púxose en marcha o Espazo Abalar, con repositorios de contidos educativos e servizos para o profesorado titor e as familias, establecendo canles de comunicación  que faciliten a necesaria colaboración entre eles.
  


 A importancia das Tic en tódolos ámbitos sociais, e no escolar en particular, é evidente. Fomentar o seu uso na aula é necesario para adaptar o sistema educativo ás esixencias dunha sociedade cambiante. Pero a simple dotación de medios tecnolóxicos non é suficiente para acadar unha educación cualitativamente diferente: unha vez informatizada a escola procede agora escolarizar a informática. A progresiva implantación das novas tecnoloxías nas aulas leva consigo unha redefinición da función docente e do proceso de ensinar e aprender; cambios avaliativos e metodolóxicos que nos permitan acadar un proceso de aprendizaxe máis autónomo, personalizado e colaborativo, así como unha ensinanza baseada nun currículo por competencias,  flexible e interdisciplinario, na que o profesor, nun proceso de formación permanente máis actitudinal que tecnolóxico, guíe ao alumnado na selección e transformación da información en coñecemento, ademais dunha reorganización do Centro e dos seus recursos, da dinámica da aula e da comunicación e relación coas familias do alumnado. 

 Educamos para un tempo futuro que case non podemos imaxinar. Si a escola prepara para a vida, gran parte dela está na rede. O cambio é necesario, pero ordeado e planificado. Abalar é un proxecto a longo prazo, irreversible (o vindeiro curso amplíase a 2º de E.S.O), necesitado de apoios, medios e  infraestruturas pero tamén de compromiso e confianza para acadar unha escola de progreso e mellora social, que innove  metodolóxica e tecnolóxicamente,  sen agudizar a desigualdade social, para aumentar as oportunidades de acceso á aprendizaxe, á información e á cultura dun alumnado que precisa ser competente e desenvolverse con naturalidade nun mundo dixital.