Recursos educativos

https://actividadesyrecursos.jimdofree.com/  Recursos, actividades, aplicaciones, juegos, software educativo...

11 de noviembre de 2007

CONVIVENCIA SEN CONTRADICCIÓNS. José R. Vidal Calvelo.

Na sociedade complexa na que vivimos, caracterizada polos cambios acelerados, a variedade de ofertas e os desafíos constantes, non é doado saber a que atermos para actuar de xeito coherente e responsable no exercicio da nosa actividade e non acada-lo efecto contrario daquilo que pretendiamos. Principios, valores e normas que ata o de onte asumiamos coma válidos, hoxe, ou xa non se contemplan, ou son instrumentalizados a conveniencia por unha nova cultura social obsesionada polo benestar que bota man do consumo (e nos chama clientes no canto de cidadáns), das necesidades innecesarias e do espectáculo como instrumentos “educadores” de masas, e converte o noso quefacer diario nunha práctica de contradicións con consecuencias non sempre beneficiosas para a convivencia e as melloras que ansiamos. Así, a pesares das aparentes boas formas e maneiras das que facemos gala nas relacións cos demais e coas que secundámo-los valores contidos nas mensaxes dos Días internacionais e datas sinalas, sen querer dármonos conta, a realidade vaise tinguindo de discriminación onde pretendiamos respecto pola diferenza, de desprezo polos que discrepan e non pensan coma nós , de mentira como habilidade socio profesional, de vinganza, de mediocridade obrigada para poder soporta-lo acoso moral e escolar que nos rodea. Sobrada de clubs de amigos ós que só pertencen os que interesadamente nos apoian, de marxinación intencionada, de prexuízos, de excluíntes maiorías amañadas, de hipocrisía bempensante,… a práctica diaria está falta de ética, de coherencia, de honestidade e xogo limpo. Semellamos estar instalados na lexítima comodidade do non compromiso, na improvisación rutineira, na defensa do defecto virtuoso,... nos dereitos sen deberes. Coma si a vertente utilitarista da vida, a eficacia inmediata, o medible, prevalecera sobre a planificación, o estudio e a prevención. Cuestións como a solidariedade, o respecto, a tolerancia, a disciplina, o sacrificio, a superación persoal, o traballo ben feito, trócanse pola recompensa inmediata sen esforzo, polo antollo, polo beneficio persoal e pola escasa tolerancia á frustración e ó fracaso. Semella que imos moi de présa, que non todos/as somos necesarios, que falta tempo para a reflexión, mínimos obrigados para a convivencia, para non disolvérmonos na rutina e na desculpa sistemáticas, no auto engano,… para non instrumentalizalo todo a conveniencia. Unha cousa é que á hora de dar respostas e busca-lo noso papel ante os novos e inquietantes desafíos que a sociedade nos presenta cada día reclamémo-lo noso dereito a ser diferentes e a critica-lo que se nos propón coma conveniente e poder pensar e seleccionar outras posibilidades, e outra moi distinta, que todo sexa igualmente válido e xustificable. O feito de que os desaxustes, as discrepancias e a falta de consenso sexan habituais e fagan difícil o labor diario, non debe desanimarnos nin xustificar actitudes coma as sinaladas, conformistas ou pasivas, senón que debe entenderse como un atributo permanente deste labor na procura dunha sociedade máis xusta e respectuosa coa diversidade que, por medio dunha educación das actitudes, das conviccións e dunha maior implicación na mellora da convivencia, nos iguale realmente a todas e todos en dereitos, deberes e oportunidades, sen exclusións, sen facer da aparencia, da falsidade e do enfrontamento modelos de conducta a imitar. José R. Vidal Calvelo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario