Recursos educativos

https://actividadesyrecursos.jimdofree.com/  Recursos, actividades, aplicaciones, juegos, software educativo...

15 de abril de 2009

Inflación educativa.


Estamos a vivir un proceso de inflación educativa? Por que agora se precisa un máster onde antes chegaba cunha licenciatura? Fracasan na vida os nenos que fracasan na escola? O traballo das competencias básicas e os programas de cualificación profesional, van na boa dirección? A metodoloxía das novas tecnoloxías ten a suficiente implantación como para modificar o proceso de ensinanza e aprendizaxe en beneficio dunha formación que dea respostas as esixencias dos novos tempos? Empeora a formación dos alumnos/as apesares da mellora do seu nivel de vida e dos seus recursos tecnolóxicos? Medran o desinterese, a desidia, o fuxir das dificultades buscando sempre a gratificación inmediata e o mínimo esforzo? Estanse a producir cambios importantes e desaparecendo límites necesarios?

Talvez mudou a esencia da educación, primando a aplicación mecánica do currículo, e o axuste estatístico e utilitarista dos resultados, sobre a formación integral das persoas. Quizais a atención á riqueza da diversidade remata creando grupos homoxéneos para seguirlle o ritmo á xerarquía de materias e contidos, relegando a un segundo plano a igualdade de oportunidades, a ensinanza personalizada, o axuste aos niveis de compresión e a concreción dos obxectivos.
Con tanta especialización, con tanta información, con tanta carreira contra o tempo seguindo a corrente de turno, quizais os pais e nais volvéronse inseguros, indecisos, sen autoridade e delegaron funcións, “conscientes” de que pouco tiñan que facer en materia educativa. Quizais debamos esixir agora máis que nunca, a súa participación e colaboración pola importancia da súa función educadora?
Nesta sociedade do benestar, que fai de nós auténticos robots das aparencias, e máis aló dos interesados e enxeñosos xogos de palabras dos malabaristas dos conceptos e da sintaxe que fan que todo luza apesares da evidencia dos resultados, o feito é que cada quen, segundo a súa respectiva cota de responsabilidade, debe analizar onde ten que incidir para, entre todos, dar as respostas que a diversidade académica, persoal, social e actitudinal precisan.
Probablemente debamos replantexarmonos o xeito de traballar na escola, algúns principios do noso sistema educativo, social e familiar e prestar máis atención ao conxunto das capacidades e posibilidades humanas dentro dun contexto de formación máis integral para non fracasar na tarefa de espertar en cada un dos nosos rapaces e rapazas as súas mellores facultades. O reto consiste en ser quen de ofertar a cada un a axuda que precisa, axustando a intervención educativa á individualidade para acadar persoas libres con capacidade de enfrontarse e dar solucións aos retos dos novos tempos. O feito de que os desaxustes, as discrepancias e a falta de consenso sexan habituais e fagan difícil o labor diario, non debe desanimarnos nin xustificar actitudes conformistas ou pasivas, senón que debe entenderse como un atributo permanente deste labor na procura dunha sociedade máis xusta e respectuosa coa diversidade.

Son algunhas das reflexións que se me ocorren logo de escoitar a Ken Robinson neste vídeo subtitulado que segue, "¿matan las escuelas la creatividad?”.




Video orixinal

No hay comentarios:

Publicar un comentario