Recursos educativos

https://actividadesyrecursos.jimdofree.com/  Recursos, actividades, aplicaciones, juegos, software educativo...

18 de junio de 2006

Diversidade educativa


ATENCIÓN Á DIVERSIDADE: ¿INTEGRACIÓN OU SEGREGACIÓN ESCOLAR?
José R. Vidal Calvelo.
Veño de ler unha serie de artigos sobre a diversidade e as necesidades educativas específicas que me suscitan as seguintes reflexións en relación coa miña práctica docente.

Na escola, como na vida, acadar unha convivencia cordial e integradora supón partir da consideración previa de que si non todos e todas somos iguais nin capaces de segui-lo mesmo ritmo, non se nos pode esixi-lo mesmo rendemento e comportamento. A diversidade é inherente á escola. É o punto de partida da acción educativa. A imposibilidade de ofertar un sistema común de traballo á heteroxeneidade que implica, é o primeiro paso cara a segregación dentro da integración inicial. A determinación institucional de que o alumno diverso participe no acto didáctico que se produce na escola ordinaria non é suficiente; é indispensable analiza-la praxis real para detectar nela a súa incorporación, rexeitamento ou segregación.

Os diferentes graos de diversidade requiren diferentes respostas institucionais por parte da escola: a opcionalidade, a recuperación, o reforzo, as adaptacións, as medidas organizativas, o profesorado especialista e os servizos multidisciplinares deben te-la consideración, non dunha xerarquía de medidas técnicas de aplicación individual por persoal especializado, si non dun continuo de servizos que teñen por obxectivo servir de utilidade e seren aplicables a toda a poboación escolar. Ás veces, sen darnos conta, contribuímos coas nosas actuacións individuais a crear segregación ou exclusión onde pretendiamos integración. As avaliacións case exclusivamente baseadas nos resultados , o control da orde e a convivencia escolar en base a expulsións e o trato diferenciado apartándoos de actividades comúns, a falta de coordinación entre os profesionais implicados, a desconsideración cara novas propostas de atención, a crenza de que a diversidade limítase ó trato por especialistas dos alumnos con necesidades educativas especiais, segregan máis que integran.

A resposta que a escola de calidade debe dar á diversidade que por obriga escolariza conleva unha serie de plantexamentos organizativos e actitudinais que deben ser asumidos por toda a comunidade escolar:
• ten que ser unha resposta de tipo institucional, non individual,
• que defina un modelo educativo que inclúa fórmulas de participación, cooperación e transferencia de experiencias entre o persoal docente (recordemos que o persoal de primaria ten menos dificultades que o de secundaria para adaptarse a heteroxeneidade da ESO, pola súa experiencia en contextos dunha grande diversidade de estilos e capacidades),
• que neutralice calquera tipo de discriminación por razón do que sexa,
• que rompa co vello esquema do “destinatario imaxinario” (¿para quen explico?),
• que busque un equilibrio entre as áreas de coñecementos e as de habilidades,
• que avalíe máis en función de proposicións de tipo mais xeral ( comunicación, razoamento lóxico, solución de problemas, desenvolvemento persoal e social…) que das materias académicas concretas, e
• que faga plantexamentos xerais de atención a toda a diversidade do Centro en función dos recursos cos que se conte.

O reto consiste en ser quen de ofertar a cada un a axuda que precisa, axustando a intervención educativa á individualidade, harmonizando dende o proxecto de centro a función e coordinación de tódolos profesionais que conforman esa resposta, conscientes de que o éxito está máis en función da calidade e cantidade das aprendizaxes que do déficit en si.
José R. Vidal Calvelo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario